AULA DIXITAL, PROXECTO ABALAR E FRACASO ESCOLAR
Todos os proxectos e reformas educativas buscan o mesmo: reducir o fracaso escolar. É unha cuestión importante, especialmente en Galicia, onde case duplicamos a media europea. O proxecto Abalar ten dous obxectivos: reducir o fracaso escolar e alfabetizar dixitalmente ós alumnos. Alfabetizar? Será a seus avós, porque ós peques xa podemos darlles Sobresaínte cum laude. Reducir o fracaso escolar? Unha forma doada é calcular cantos deixan de obter o título con dúas suspensas… ¿o 15 %? Reducimos o fracaso un 15%, dando o título con dúas suspensas. Non se fagan ilusións: iso xa se está facendo. Agora, ou ben baixamos o listón a catro, ou poñemos Abalar. Polo menos vai ser un bo titular, e aquí os titulares gustan moito. E tamén unha boa maneira de vender ordenadores, de acostumar ós peques ó Microsoft e venderles Internet ós pais. O de reducir o fracaso escolar, xa o veremos. Se non funciona, sempre podemos botarlle a culpa ós profes. En España temos un profesorado moi escéptico, din as estadísticas, coa utilidade dos ordenadores na aula. Claro que, en Finlandia, país europeo con menos fracaso escolar, o 27% dos profesores non lle ve vantaxe alguna ós ordenadores na aula. De feito, ningún estudo demostrou que as tecnoloxías melloraran os resultados académicos; sí, o uso de estratexias innovadoras. A alternativa á lección maxistral xa existía antes dos ordenadores. En Finlandia os profesores teñen un gran prestixio social e exercen o seu labor con enorme liberdade. Alí, ás facultades de Educación só chega 1 de cada 10 aspirantes, que son mellores expedientes de Secundaria. Lin fai pouco un conto no que se pretendía demostrar que os profesionais máis importantes dunha sociedade eran os profesores. En Finlandia seguramente o son. Aquí tamén podíamos selo pero fáltanos moitas cousas, entre outras, espíritu crítico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario